Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Neda abre inscricións nun curso gratuíto sobre o manexo de smartphones


Incluído no programa “Educando nas novas tecnoloxías”, terá lugar en novembro na casa da cultura, con clases martes e xoves de 16:00 a 18:00 h

O Concello de Neda abre inscricións nun curso de manexo de smartphones dirixido a persoas adultas veciñas do municipio, especialmente para o colectivo da terceira idade, con máis dificultades para o uso deste tipo de dispositivos. A participación na acción formativa, incluída no programa “Educando nas novas tecnoloxías”, é completamente gratuíta. Así mesmo, as clases desenvolveranse durante o mes de novembro, con sesións semanais, a celebrar na casa da cultura, os martes e xoves de 16:00 a 18:00 horas.

As prazas son limitadas, e é preciso apuntarse presencialmente na casa da cultura, de luns a venres de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Ata o 24 de outubro ou ata completar aforo.

Entre os contidos, abordaranse nocións básicas como o encendido e apagado do teléfono, o significado dos iconos, como realizar unha chamada, engadir contactos á axenda, editalos ou eliminalos, ou descargar e utilizar aplicacións como whatsapp, entre outros.